Saturday 27 de April de 2024

Preto de 30 obras concorren á segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora


Os traballos gañadores deste certame promovido pola Xunta de Galicia e pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal coñeceranse a final de ano

Preto de 30 obras de autores e de autoras galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos concorren á segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora, promovido pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT).

Concluído o prazo para a presentación de orixinais o pasado 15 de xullo, as tres entidades darán a coñecer os traballos gañadores a final de ano, no marco dunha sesión que se realizará no país veciño, logo da reunión do xurado, conformado este ano polos escritores galegos Antón Riveiro Coello e Carlos Arias, polo editor Carlos Lopes, pola escritora Olinda Beja e mais por Maria Geraldes, do AECT.

O Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora é unha das iniciativas que se enmarcan no memorando de entendemento subscrito en 2015 pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola AECT.

Reforzar o diálogo cultural entre Portugal e Galicia
Dotado con 2.000 euros, o certame ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

Na primeira edición do premio, a obra gañadora foi ‘Clementina’, de Lara Dopazo Ruibal, que se publicará a finais deste ano. Tamén recibiu unha mención de honra o traballo ‘Coração cheio de nada’, da autoría de João Maria Cardoso.